Preguntas frecuentes

Que somos e que mercamos?

  • Que é un grupo de consumo?

Básicamente, somos un grupo de persoas que nos asociamos para mercar produtos ecolóxicos de forma directa ás produtoras e produtores. Eliminamos ou reducimos ao mínimo os intermediarios e tamén o lucro no acceso aos produtos básicos. Supomos unha alternativa de xeito de consumir, contraria ao consumismo.

  • Para quen son os cartos que gañades?

Non gañamos cartos. Os produtos valen o prezo marcado pola produtora ou produtor, e cando é necesario se lle suman os gastos de transporte, por tanto non se lles grava nada. Por outro lado a cota económica que se paga vai destinada ao pago do aluguer, das transaccións bancarias, materiais etc. O obxectivo do grupo desde un punto de vista económico é que perdure no tempo, non que teña cartos para investir.

  • Como tomades as decisións?

As decisións tómanse entre tod@s nas asembleas que teñen lugar regularmente. Cada unidade de consumo conta cun voto na asemblea.

  • Como axudades ao desenvolvemento sustentábel?

Ao mercar produtos ecolóxicos de tempada, preferentemente locais, de pequenas produtoras e minimizando os envases, axudamos á dignificación das persoas que teñen esta actividade como forma de vida, contribuíndo así a unha actividade agrícola, gandeira, piscícola, e das empresas de transformación sustentábel. Por outro lado, contribuímos co mantemento das formas de vida tradicionais, fixación da poboación no rural e a intercambios económicos máis humanos.

  • Entón, todos os produtos son ecolóxicos?

Si, é requisito imprescindíbel de Eirado adquirir produtos de produción ecolóxica, se ben é certo que nos baseamos na confianza coas persoas que os producen, e, por tanto, non exiximos a posesión dun selo de certificación. Tamén mercamos produtos de comercio xusto.

  • A quen llos comprades?

Sempre que sexa posíbel compramos a produtoras e produtores locais, de non habelas, buscamos aquelas que teñamos máis preto. Damos prioridade ás explotacións familiares fronte as grande empresas, e tratamos de evitar, na medida do posíbel, as distribuidoras.

  • Quen decide que produtos mercar?

En cada asemblea decidimos entre todas as persoas asistentes que produtos novos nos gustaría ter en vindeiros pedidos, así que, sempre que haxa consenso e se vexa factíbel, pódese incluír calquera produto.

Como funciona o grupo?

  • Tedes unha tenda física? Podo comprar sen ser do grupo?

Non, non temos tenda física. Dispoñemos dunha tenda on-line para facermos os pedidos e dun local para recoller o mercado. Non é posíbel comprar produtos sen ser membro de Eirado.

  • Que é a cuota de traballo?

Cada unidade de consumo ten unha cota de traballo consistente en xestionar, xunto con outras dúas unidades de consumo, un pedido mensual. Este traballo realizase de maneira rotatoria entre tod@s. Actualmente, “toca” xestionar o pedido cada 4 meses, aínda que cant@s máis somos menos traballamos.

Se ben é certo que o traballo require algo de atención e tempo, sempre se realiza en compañía. Son 3, como mínimo, as unidades de consumo que xestionan o pedido do mes, contando sempre con algunha unidade “veterana”. Para alén diso, podemos dicir que o traballo a realizar é sinxelo e está documentado.

  • Canto custa formar parte de Eirado?

Cada unidade de consumo (familia, xente que convive etc) fai unha achega trimestral de 24€ ao inicio do trimestre. Para @s novos a parte proporcional do trimestre. Esta cuota económica permítenos pagar o local e afrontar outros pequenos gastos do grupo. En ningún caso se devolverá a cuota económica do trimestre en curso.

A maiores da cuota económica gastarás o que consumas nos teus pedidos, sempre ao prezo ao que o conseguimos do produtor/a. Como límite para pagar un pedido dase o dia do seu reparto (último xoves de mes).

  • Que se pode adquirir?

Actualmente verduras, froitas, hortalizas, legumes, iogures, leite, queixo, pan, galletas, peixe, proteina vexetal,… a estes produtos chamámoslle “básicos” e están dispoñibles para mercar todos os meses. Tamén, dependendo da tempada pódense pedir outros produtos “básicos de tempada” como castañas, laranxas, cereixas,…

Tamén pedimos outros produtos “extra” coma arroces, aceite, conservas, legumes… que mercamos en grandes cantidades e de maneira rotatoria. Un produto extra está dispoñible 1 ou 2 veces ao ano.

  • Podense adquirir outros produtos?

Todo é cuestión de levar unha proposta á asemblea, indicando produtoras ou produtores que nos poidan abastecer cumprindo os nosos requisitos.

  • Cada canto tempo hai un pedido?

Actualmente facemos un pedido básico e un extra ao mes.

  • Todo isto soa moi ben mais… é caro, verdade?

Non resulta caro consumir en Eirado, non gravamos os produtos, mantemos os prezos fixados polos produtores e produtoras para que realmente vivan do seu traballo e promovemos un xeito de consumo responsable.

  • Podes pór un exemplo?

Podes ver un exemplo dos produtos e prezos que pedimos.

  • Como fago un pedido?

Dispoñemos dunha tenda on-line onde se van ofertando os produtos.  Cada mes organizamolo así:

  • 2ª semana de mes: ábrese a tenda para pedir o produto extra.
  • 3ª semana de mes: ábrese a tenda para pedir os produtos básicos.
  • Último xoves de mes: reparto de produtos básicos e extra.
  • Como recolledes os produtos? Podédesmos levar a casa?

O pedido recóllese no local o último xoves de mes á tardiña (normalmente de 19:00 a 20:30 horas). Non se leva o pedido á casa.

 

Como me fago de Eirado?

Na páxina Como unirse desta web tes toda a información ou tamén podes contactar connosco para resolver calquera dúbida.

 

Produtoras/es 

Se queres vendernos algún produto ponte en contacto connosco e explícanos detalladamente que produtos ofertas, como produces, custos, contacto…