Ensalada de cuscús con mollo de herbaboa
11 de Xullo de 2008
Ingredientes:
- 400g de cuscús
- Un cogombro.
- 50g de olivas verdes
- 50g de uvas pasas
- 1 cebola mediana
- 2 tomates
- mollo de soia
- Sal
Para o mollo de herbaboa:
- 100g de herbaboa fresca
- 1 dente de allo
- ½ cebola pequena
- 20 cl de zumo de laranxa natural
- 4 culleradas sopeiras de aceite de oliva virxe de 0,2º de acidez
- Sal ao gusto
Como facelo:
Botar todos os ingredientes do mollo de herbaboa e trituralos coa batidora ata acadar unha mezcla líquida. Se a queremos máis suave pódese engadir 2 culleradas de aceite de xirasol e oito pasas.
Nunha ola, poñer un litro de auga a ferver con sal, un pouco de aceite de oliva virxe e unha cullerada sopeira de mollo de soia. Ao tempo, nun recipente valeiro botar o cuscús. Cando ferva a auga botala enriba do cuscús ata que o cubra un cm máis ou menos. Tapalo e deixar repousar entre oito e dez minutos para que absorba a auga. Logo cun garfo desfacer os grumos e deixar enfríar.
Lavar o cogombro, a cebola e os tomates e cortalos en anacos. Mesturar co cuscús e engadir as olivas e as pasas. Adobar co mollo de herbaboa ao gusto.
“Un xeito rico e fresco de preparar o cuscús. O mollo de herbaboa… inolvidábel.”
Publicado en: Receitas Etiquetas(podes utilizálas para procurar artigos semellantes): cuscus, ensaladas
