eirado.org

4ª Xornada de Terra e Cultura Sustentable

27 de Outubro de 2009

SILVICULTURA SUSTENTABLE

O sábado 31 de outubro terá lugar a 4ª xornada “Terra e Cultura Sustentable”, coa presentación de propostas para a sustentabilidade do bosque galego amosándose distintas experiencias; nas charlas sobre Bosque  Comestible e Sustentable e Viveirismo Sustentable, nun obradoiro prático de deseño con visita á horta e ao bosque e na proxección dun vídeo temático.

As ACTIVIDADES PARA NEN@S e para o resto da familia, complementaranse coa proposta CULTURAL E DE LECER: Artesanía, Escultura, Música e saída ao monte por Setas.

  • As 10 da mañá comezarán as CHARLAS TEMÁTICAS SOBRE BOSQUE COMESTIBLE E SUSTENTABLE e de VIVEIRISMO SUSTENTABLE; por parte da Rede de PermaCultura na Galiza, e por Ramiro Martínez do Viveiro O Pomariño.
  • De seguido, poderase participar nunha visita a distintos espazos de bosque e horta, para a reflexión sobre o deseño dun bosque sustentable de frondosas, froiteiras e arbustos.
  • O oleiro APARICIO AÑÓN traballará en directo no torno a CERÁMICA DE BUÑO, realizando pezas artesás con formas tradicionais e a súa singular persoalidade.
  • OSCAR ALDONZA e TUCHO ABALO continuarán in situ no traballo xa comezado nas anteriores xornadas. RECICL-ARTE xa ten un espazo fixo no entorno do Fogar do Santiso e o seu tamaño xa fai albiscar o resultado. A integración da RECICLAXE Á ESCULTURA, dará moito que falar.
  • A exposición de artesanía da Asociación de pais de minusválidos de Teo (ASPAMITE) realizada polas persoas integrantes da asociación, segue a ter o seu espazo connosco.
  • A MÚSICA POPULAR acompañarán as actividades.
  • O PÚBLICO INFANTIL poderá participar nunha DINÁMICA DE RECOÑECEMENTO de árbores, follas e froitos e na saída ao monte para a recollida de setas. Os GLOBOS, a MAQUILLAXE e o PARACAIDAS de mil cores, acompañaranos xunto a nosa FADA PAIASO VIOLETA.
  • Contaremos tamén coa proxección do vídeo “Establishing a Food Forest” (Creando un bosque de alimentos) de Geoff Lawton. (Vídeo en lingua inglesa con subtítulos en castelán)
  • Á tarde, sairemos na busca de setas e cogomelos de tempada.

A Asociación Cultural Os Ameios, organiza estas xornadas de reflexión e experiencias sobre a sustentabilidade, que contan coa colaboración do Fogar do Santiso e do Concello de Teo, As xornadas celebranse en 9 sábados consecutivos do outono, no Fogar do Santiso, sito no lugar de Trasellas, parroquia de Luou do concello de Teo. Preséntanse como propostas de acción e visións por unha TERRA e CULTURA máis sustentables.

As xornadas “Terra e Cultura Sustentable” 2009, son de balde e para todos os públicos. Teñen un compoñente temático común que é a sustentabilidade. Estas xornadas están deseñadas como un evento aberto e inclusivo, as disitintas actividades conforman unha proposta para toda a familia e para todos os públicos. Invítase de novo á participación de toda a xente en xeral na reflexión sobre a sustentabilidade e na exaltación do espacio como lugar de confluencia de cultura e lecer.

Para máis información:
Coordinación xornadas: Antonio Palma
637587401 – info@terraecultura.org

Publicado en: Blogue Novas

Deixe un comentario

Deseño e creación da plantilla para Wordpress por Eirado
baixo unha licenza libre Creative Commons "recoñoecemento - compartir igual".

eirado.org