Eirado estará nas Xornadas Terra e Cultura Sustentable 2009
3 de Decembro de 2009ECO-NOMÍA SUSTENTABLE: MOEDA COMPLEMENTARIA, CONSUMO RESPONSABLE, COMERCIO XUSTO, INVERSIÓN ÉTICA E RESPONSABLE, BANCO DE TEMPO, TROCO.
O sábado 5 de Decembro terá lugar a 9ª e derradeira xornada “Terra e Cultura Sustentable”, no Fogar do Santiso, coa celebración dunha XORNADA TEMÁTICA sobre ECONOMÍA SUSTENTABLE. Charlas, un mercado de troco e unha mesa redonda, amosarán distintas propostas e experiencias que xa están en marcha na Galiza, para o desenvolvemento dunha economía verdadeiramente sustentable.
As xornadas “Terra e Cultura Sustentable” 2009, organizadas pola Asociación Cultural Os Ameios, chegan ao seu fin despois de 9 sábados temáticos, de presentación de propostas e experiencias nas distintas dimensións da sustentabilidade. Propostas de acción e visións para a sobre a Sustentabilidade Ecolóxica, Económica e Social, que foron amosando a oportunidade da integración social da cidadanía no traballo polo deseño dunha Sociedade máis compremetida, para unha Terra e Cultura máis sustentables.
Nesta derradeira xornada, que comezan as 10h, contaremos con:
* A presentación da MOEDA COMPLEMENTARIA GALEURO. O galeuro é a primeira moeda virtual (electrónica) galega. Foi creada pola Asociación Cultural Fillos de Galicia. Cada galeuro é equivalente a 1 euro, tendo paridade fixa con esta moeda. Neste momento estase a propor a socialización desta moeda para o seu uso no ámbito das relacións de produtos e servizos de distintas entidades da Galiza, no eido da Economía Social e Sustentable.
* “O DRUIDA POETA”, a escultura realizada polos artistas OSCAR ALDONZA e TUCHO ABALO, e integrada na proposta ReciclARTE; xa foi modelado en arxila, realizado o molde en escaiola, neste momento está a ser conformada a escultura definitiva co vidro das botellas do Fogar do Santiso. Contaremos cunha exposición do que foi o seu proceso de creación e calquera día teremos a oportunidade de contemplar o seu rexurdir. Manterémovos informados dos novos acontecementos.
* Teremos un MERCADO DE TROCO E CESIÓN de cousas que xa non están a servir no noso fogar e poderemos trocalas ou mesmo cedelas. Animádevos a compartir aquilo que non esteades a usar.
* Á tarde asistiremos á proxección do vídeo “La double face de la monnaie - A outra cara da moeda”, como presentación da MESA REDONDA sobre Economía Sustentable na que participarán:
o A Cooperativa Compostela de Consumo Responsable Eirado
o A Cooperativa de Servizos Financierios Éticos e Solidarios Coop57 Galicia
o A ONG de Comercio Xusto e EcoDesenvolvemento Amarante
o A ONG Ecoloxista Verdegaia
o A Asociación Cultural Fillos de Galicia
Presentarán a súas experiencias no eido de: o Consumo Responsable, a Inversión ética e solidaria, o Comercio Xusto e a Inversión Pública Responsable, Mercado de Troco e Moeda Complementaria.
* Ao remataren procederase á CLAUSURA DAS XORNADAS Terra e Cultura Sustentable, 2009.
Máis información: www.fogardosantiso.es/blog/
Publicado en: Blogue Novas